Ola a todos. chamome gonzalo blanco e son responsabel de prensa de ADEGA-ourense. e vou mandar un escrito sobre o que opina a asociacion ecoloxica para a defensa de Galicia ADEGA.
tamén gustariame decir que o mais normal seria ter unhas aportacions sobre este temas sosegadas e nomrais e non con descalificacions e insultos.
MANIFESTO DE ADEGA A FAVOR DA ZEPA EN XINTO DE LIMIA
Manifesto pola Limia: a ZEPA, boa para o ambiente e para a xente
Xinzo de Limia, 27 de agosto de 2007. Malia a súa catastrófica transformación dende a desecación do “gran mar interno” da Lagoa de Antela, que ocasionou a desaparición dun gran número de especies, A Limia é lugar de interese para as aves polo mosaico de zonas arboradas, húmidas (que aínda se conservan), cultivadas e pastoreadas. A declaración como ZEPA destes territorios da Limia vai ser beneficiosa para o medio ambiente, e tanto a curto como a medio prazo serao tamén para as xentes da zona e particularmente para os agricultores e gandeiros.
As declaracións dalgunhas organizacións sociais de que non se tiña coñecemento deste proceso resultan sorprendentes, pois foron expresa e abertamente informadas con caracter previo a exposición pública durante a reunión, celebrada o pasado 11 de xullo, do Consello Galego de Medio Ambiente de Desenvolvemento Sostible, máximo órgano consultivo en temas ambientais. Fóra da orde do día, presentouse o borrador de Declaración como ZEPA tanto da Limia coma de Pena Trevinca. Nese órgano, ademais das administracións autonómica, provincial e local, están representadas organizacións sociais como tres sindicatos de ámbito xeral, tres do ámbito agrícola e gandeiro (entre eles o Sindicato Labrego Galego, SLG), confrarías de pescadores, asociacións de veciños, empresariais, e ecoloxistas entre outras. As afirmacións de que non se tiña coñecemento deste proceso non poden resultar máis do que rechamantes, xa que existiu información previa á exposición pública.
Polo demais o que neste momento está a exposición pública é un Decreto de declaración, normativa que na práctica non establece ningunha limitación as actividades económicas na zona afectada, que se determinarán con posterioridade. Polo que nos sorprende a capacidade predictiva de aqueles estamentos que están a manifestarse en contra da declaración de ZEPA.
As actividades agrícolas e gandeiras, son imprescindibles para algunhas das especies que motivan declaración comoa Zona de Especial Protección para las Aves, polo que as organizacións de defensa do Medio Ambiente estaríamos en contra dunha hipotética suposta eliminación destas actividades das que se está a falar sen fundamento legal e real algún.
BENEFICIOS ECONÓMICOS
A modificación da Política agraria Común (PAC) vai provocar a desaparición das axudas das que se estaban a beneficiar o agro, derivándose cara aquelas actividades agrícolas beneficiosas para o medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria. A partires de agora terán preferencia a recibir estas axudas as zonas protexidas e aquelas nas que as actividades se reorienten a unha producción de calidade e/ou ecolóxica.
Polo devandito, a súa declaración de lugar ZEPA, será beneficioso para os homes e mulleres que viven na Limia. Asociar o cultivo da pataca da Limia co dunha zona ben conservada, será unha garantía de imaxe e de comercialización asegurada e na que se debe traballar. Precisamente amplas zonas que hoxe se pretenden declarar coma ZEPA xa están incluídas na Reserva da Biosfera. Declaración esta realizada o ano pasado nun acto celebrado en Allariz no que participou O Conselleiro de Medio Rural e o Vicepresidente da Xunta e que contou co beneplácito da Sociedade en Xeral sen levantar ningún tipo de polémica. Polo que nos sorprende a oposición que agora se está a expresar por algúns sectores sociais.
As Institucións públicas, partidos e sindicatos, deben facer un esforzo en explicarlle á poboación, que as figuras de protección da natureza, lonxe de ser unha limitación, son unha oportunidade de xeración de riqueza e de calidade de vida para os habitantes destas zonas.
Finalmente, propomos a todos os axentes sociais e políticos, que deixen os intereses partidistas e fagan posible posible avanzar na mellora das condicións ambientais e sociais aproveitando todo o que de positivo ten esta declaración, reclamando os recursos técnicos e financeiros que xa están dispoñibles na Unión Europea.
<
ADEGA-Ourense en Expolimia 2007
Xinzo, 3 de setembro de 2007. Adega-Ourense estivo presente en Expolimia 2007 en Xinzo os días 31 de agosto, 1 e 2 de setembro. O numeroso público asistente mostrou moito interese en coñecer as razóns que levan a ADEGA a defender a implantación da declaración como ZEPA para a Limia. Todas as persoas que pasaron polo stand de ADEGA coincidiron connosco na escaseza de información existente por parte da Consellaría. O feito de pór un cartaz reivindicando a ZEPA supuxo para ADEGA que se convertise o noso stand no referente da feira, causando un grande impacto polo debate que abrimos.
As alegacións contra a ZEPA da Limia foron elaboradas pola Deputación de Ourense
Ourense, 7 de setembro de 2007. Durante o periodo de exposición pública da declaración como Zona de Especial Protección de Aves da Limia remitíronse alegacións elaboradas dende a Deputación de Ourense aos concellos da comarca da Limia. ADEGA rexeita que organismos públicos utilicen os problemas medioambientais para realizar campañas políticas. A protección da natureza é cousa de todos e todas e non pode ser fonte de batallas políticas comandadas polo interese partidista e non polo interese xeral.
A deputacion provincial de Ourense implicouse contra a protección da natureza por intereses partidarios este é un feito que deben coñecer os cidadáns para que entre todos evitemos estas situacións. O modelo enviado pola Deputación de Ourense é o que seguiron os concellos que presentaron alegacións á ZEPA da Limia.
Un día despois de que funcionarios do concello de Xinzo de Limia estivesen pegando cartaces do Partido Popular contra a Declaración de ZEPA durante a súa xornada laboral, cabe preguntarse se neste caso foi persoal da Deputación que durante a o seu traballo empregou recursos públicos para campañas partidistas contrarias ao medio ambiente e á protección da natureza.
gonzalo blanco
delegado prensa
ADEGA-ourense
www.adega.info