Comunicado urxente da Asemblea Segreda de Parados de Vigo, realizada no Castro o día 1º de maio de 2003.
Tecendo redes, esixindo a democratización.
Agora sábese ben baixo que sinistra apariencia legal certificaron a nosa ruina os accionistas do réxime, representados, arestora, polas marcas electorais
-e sindicais- que defenden os intereses da oligarquía económica e política na Galiza, sen dúbida, unha das máis criminais e corruptas de Europa, e a única que afunde os seus alicerces directamente nunha dictadura militar fascista.
As mesmas persoaxes, as mesmas mentiras, a mesma hipocresía e o mesmo proselitismo relixioso levado ás institucións públicas, as mesmas ameazas e represalias, a mesma estética, e sobor de todo o mesmo funil da submisión a un sitema que faculta aos poderosos para a chulería e a ocultación dos seus crimes e das súas consecuencias: a emigración crecente, o paro e a miseria dunha poboación que se extingue físicamente farta xa de vivir en precario.
A dexeneración extrema dos políticos da organización da ultra-dereita que nos goberna convírtenos automáticamente a tódolos que non somos a súa clientela política, isto é, a meirande parte dos galegos, en excluidos sociais e excedentes laborais en potencia i en damnificados a perpetuidade do seu “estilo de vida”: a exprotación sen límites da natureza e do home polo home.
Coma carraxos sedentos, condeándonos á miseria, encheron de lixo nuclear a foxa atlántica, pragaron o noso país de encoros, de torres eólicas que están demáis, de canteiras que non tapan, de montes desfeitos e queimados pola especulación: destruiron a nosa paisaxe física e humana ca prevaricación, o cofeito e o chapapote, obrigándonos a emigrar ou pasar lareca.
O mercadeo de vontades e de votos levou ao país ao silenzo, á desolación, e á catástrofe. A censura, o control e a manipulación da información é clave no proceso de continuidade do actual réxime político que defende a exprotación salvaxe dos recursos naturais e das persoas. Moitos medios de comunicación privados traballaban de oficio para a grande mentira xenocida e antidemocrática que é a globalización e a guerra, mentres que elementos de certa organización relixiosa vencellada á dictadura militar fascista e á banca instaláronse na dirección de certo medio de comunicación galego.
Unha maquinaria de propaganda endexamáis soñada polos hitlerianos ao servizo da ocultación da realidade, da inxustiza dun poder económico que controla aos gobernos monicreques chegando a confundirse con eles. Sen desbotar a importancia dalgunhas forzas da oposición igoalmente carroñeiras que cun impresentabel programa socialdemócrata defenden exactamente o mesmo -xa coñecido na práctica- proxecto belicista neoliberal: sempre minten. A realidade é a que é, o demáis é regueifa, cifras e datos falsificados.
Chapapote. Paro. Barbarie. Belicismo. Lareca. Corrupción xeralizada. Xenocidios... Capitais manchados de sangue, de prepotencia, de sofremento nas colas das inoperantes –pra os traballadores- oficiñas do paro ou nalgunha das axencias de colocación privada ou ETT: unha cruel realidade que alguén legalizou, autorizou e consentiu, que consinte tódolos días e promove a sabiendas, como outras tantas cousas, mentres os chamados sindicatos marelos calan e tenden a man, sempre aberta cara enriba.
Diste xeito, entre as fundacións tapadeira da patronal e dos sindicatos marelos, e as empresas da clientela política, os presupostos millonarios adicados á criación de emprego voan, e os demandantes de emprego, desprezados e aldraxados polos que viven deles, carecen de calqueira apoio económico. Por outra banda, as máis no paro non teñen acceso ás mesmas axudas sociais que as mais que teñen a sorte de traballar, non existindo un límite de renda para acceder a isas prestacións: isto é, que unha mai “demandante de emprego” con dous ou incluso tres fillos menores de tres anos ten unha axuda de cero euros. Naturalmente, existen outras axudas, absolutamente insuficientes, igoalmente reviradas, e de tipo esmola. Mais o mecanismo canalla segue sendo semellante: os que máis o necesitan son os que perciben menos, ou incluso nada. Case sempre nada. É máis, son tratados coma preguiceiros, coma vagos, e inxuriados coma se foran unha ameaza.
Sexamos, pois, unha ameaza. Ou iso, ou nada.
Nada. As mais “demandantes de emprego” non cobran Nada.
Os parados cobran pouco por moi pouco tempo, e os “demandantes de emprego” en xeral endexamáis cobraron nada. Nada.
¡¡ A fame coma estímulo !! ¡¡ O triunfo da dexeneración !!
Porém, artellaremos redes coma se eles foran nazis, porque os nazis, ao seu carón eran uns afeizoados, e os mafiosos, niste caso, son eles e mai-lo seu entorno social: unha burguesía despiadada e inculta que inicia a súa longa decadencia no mesmo intre no que destrue a democracia no 36 -aí están, despois de todo, os que paseaban do brazo do dictador- e a trama criminal que os sostén no poder efectivo, no poder real.
Rente ao asalto á razón, ás listas negras, a perda de poder adquisitivo dos traballadores, e a condea ao paro perpetuo ou á precariedade, cómpre crear redes para protexernos, redes para informarnos, redes para fuxir cando intenten cazarnos por ser partidarios da paz no mundo, por ser culpabeis de reivindicar un posto de traballo e unha vivenda, por resistirnos a emigrar, por ser responsabeis de ter empregado a verba dignidade sen agacharnos porque non queremos vivir baixo a súa gadoupa.
Desconfiemos sempre, e sobor de todo, non calemos máis, actuemos. Sospeitando sempre dos que din que non hai xeito de amañar ista desfeita:
a revolución social, cultural e económica que cómpre facer na nosa terra é unha posibilidade negada só polos que a temen.
Presentar loita, resistir a isa rede política que promove abertamente a estafa social do enchufismo e a prevaricación é o deber de tódolos galegos de ben.
Porque a crueldade dos que fixeron do aldraxe un costume e do silenzo unha consigna continuará mentres os neoliberais e os socialdemócratas disfrazados veñan busca-lo noso voto, a nosa forza de traballo e o noso tempo no seu exclusivo beneficio ou no das empresas ou multinacionais prás que traballan.
Porque a natureza e a paisaxe son patrimonio e nós formamos parte delas.
Porque amamos o mar, e á Terra, e queremos vivir nela con dignidade.
Porque os nosos dereitos fundamentais foron conculcados exactamente no intre no que foron parcial, suposta e virtualmente legalizados, regulamentados e convertidos en papel mollado pra nós e en ferramenta de control e enriquecimento sen límite pra os que xogan a carta dunha democracia inexistente e dun ordeamento xurídico que semella actuar namáis que nunha dirección.
Porque o único risco que asumiu sempre a oligarquía criminal nos oprime é agardar a que esquezamos.
Esixamos a democratización de Galiza.
Poñamos en valor a nosa dignidade.
------------------------------------------------------------------------------------------------
Iste texto é de difusión ceibe.
Nós, os parados reunidos na asemblea celebrada en Vigo o 1º de maio do 2003, sen a infiltración de elementos do réxime pertencentes aos dous sindicatos marelos autodenomiñados “maioritarios” invitamos a tódolos traballadores fixos, no paro ou en precario a auto-organizarse urxentemente ao marxe dos inimigos dos traballadores.
Un colectivo independente.